|

-
Noa's Interview (O
correo galego): September 1st 2002.

NOA: "LOITO CONTRA A VIOLENCIA CANTÁNDOLLE
Ó AMOR E Á ESPERANZA" E.F. Domingo 1 de Septiembre de
2002 ©
[A cantante Noa maniféstase radiante de felicidade desde que tivo un
fillo, Ayehli, en marzo do ano pasado. 'Now' é o novo álbum
que sairá á venda en España o 17 de setembro]
Anque con só dous anos, os seus pais se trasladaron ó
Bronx novaiorquino, volveu a Israel ós 17 anos por amor e a cumpri-lo
servicio militar. Desde entón sempre amosou a súa preocupación pola
situación da súa terra, "sobre todo agora que todo está moi
deteriorado. A única maneira de demostrar que a xente da rúa non está
de acordo co que ocorre é protestando'', di.
"Eu loito contra a violencia -engadiu- cantando ó amor e
á esperanza. Sinto unha gran pena pola xente que non ten compaixón e
sinto moita máis por min, porque desde a miña illa de esperanza teño
que vivir con eles na incerteza. Non quero morrer, pero agora que son
nai daría a miña vida polo meu fillo, non por unhas persoas que
poderían esforzarse por soluciona-lo conflicto e non o fan porque non
teñen nin cariño, nin comunicación, nin respecto, nin amor''.
Ó mesmo tempo, Noa está radiante de felicidade desde que
naceu o seu fillo Ayehli en marzo de 2001. "Gústame moito a nova
Noa -asegura- cambiaron moitas cousas na miña vida despois de ser nai,
interna e externamente, realmente todo é diferente e mido as cousas
doutra maneira''.
En Now, un álbum que sairá á venda en España o 17 de
setembro, Noa mostra que é "unha persoa moi intensa'' en todo o
que fai. E, por fin, "despois de doce anos de colaboración xunto
con Gil Dor -quen corrobora o que di Noa, á que sempre acompaña-,
este álbum é algo creado entre nosoutros
dous, sen que ninguén interveña ou queira da-la súa opinión''.
As maquetas dos trece temas de Now foron gravadas na casa de
Gil. "Foi todo tan relaxante e máxico, que en seis das cancións
mantivémo-lo son vocal das demos orixinais'', confesa.
"Gil fixo un traballo sorprendente -asegura- iso
permitiume concentrarme no meu bebé e en escribi-los textos, algo
fundamental nas miñas cancións, antes que a melodía quero ter moi
claro o que vou dicir. Por iso aproveito as viaxes que fago en coche,
de casa ó estudio son unhas dúas horas, para darlle renda solta á
imaxinación, e funciona, inspírame o estar en movemento''.
Os textos de Now, xiran en torno á expectación, "escribiunos
durante o embarazo e a chegada dun primeiro fillo non é comparable
con nada máis'', e cre que neles dá resposta a moitas das cuestións
que se formulou co seu anterior traballo Blue Touches Blue (2000), no
que "recapacitaba sobre o pasado e o
futuro, e envolvíao cun son efectista''.
Con Noa (1994), o primeiro álbum de carácter internacional,
antes gravara en hebreo, reuniu cancións escritas entre os 15 e os 20
anos, "moi frescas e con arranxos moi sinxelos'', e con Calling
(1996) ensinou que atravesaba un "momento moi intenso'', xa que
por primeira vez tomaba contacto coa realidade política do seu país.
Agora con Now amosa a súa preocupación polo "futuro
incerto que nos espera, xa que estamos
rodeados de catástrofes naturais e conflictos ocasionados polo home,
sen esquecernos da crise económica que atravesa o mundo e os
problemas de medio ambiente e terrorismo que nos asolan'', comenta.
Como foi habitual durante a súa carreira neste disco hai dúas
versións, unha de Alan Parsons (Eye in the sky) e outra dos Beatles (We
can work it out).
E.F. Domingo 1 de Septiembre de 2002 © 2002 www.elcorreogallego.es


|